Amor odio cos xogos en liña

Amor odio cos xogos en liña

Hai anos, antes de facerse popular o calificativo de “niño rata” xogaba en liña a videoxogos, principalmente ao Fifa. Xogaba moito, a deshora, e cada vitoria subíame en boa medida a autoestima, o que me convidaba a seguir xogando. Mais tanto xogar, unido ao cansazo, aumenta as probabilidades de perder, e como é lóxico isto acababa acontecendo, o que me provocaba un gran cabreo e certa frustación coa que me ía durmir.

Non era unha situación ideal polo que ao pouco deixei os xogos en liña e posteriormente os videoxogos deixaron progresivamente de ocupar o meu tempo de ocio. Apareceron novas ocupacións e novas afeccións, coma os xogos de mesa, aos que hoxe en día dedico en boa medida o meu tempo libre. Cando non teño posibilidade de xogar en persoa con alguén recorro as aplicacións que moitos xogos teñen e che permiten botar as túas partidas no móbil ou no ordenador. Estas aplicacións permítenche normalmente xogar contra outros xogadores en liña ou contra xogadores que controla a “máquina”, e levado polas non moi agradables experiencias anteriores cos videoxogos case sempre opto por esta última opción, a xeito de poñerme a proba tratando de mellorar en cada partida e descargándome de presión en cada derrota ao asumir que é moi díficil gañarlle a unha intelixencia artificial en segundo que xogos.

Ultimamente levo moitos meses xogando á aplicación do Patchwork, un moi bo xogo de base matemática, que ten moito máis contido e alcance do que poida parecer nunhas primeiras partidas. Xogo contra o sistema en modo díficil, e das centos de partidas que debo levar so conseguín gañar en dúas ocasións. Con tanta dedicación acadei o intre no que a miña mente fai click e desencripto a situación da partida coma cando en Matrix os operadores ven o mundo a través dos seus monitores. Mais tal clarividencia non me é suficiente para gañar, sei que xogada fará a máquina pero non son quen de contrarrestala correctamente na inmensa maioría das ocasións.

Esta semana animeime a comezar a xogar contra persoas reais, descoñecidos que nese mesmo intre tamén queren xogar ao mesmo xogo. Quería saber se a miña experiencia acumulada servira de algo, ou voltaría durmirme amolado. E aquí estou, super satisfeito do meu rendemento porque albisco as xogadas do rival, identifico os seus erros e consigo sacarlles proveito, o que me leva a escribir estas liñas cando luzo un inapelable balance de 2 vitorias e 0 derrotas.