Un domingo calquera, Blood Bowl!!

Un domingo calquera, Blood Bowl!!

“Any given Sunday”, coñecido por estes lares coma “Un domingo calquera”, é un filme de Oliver Stone que amosa cruamente a competividade existente no mundo do fútbol americano profesional.

E un domingo calquera na asociación 6d6 pódesnos atopar xogando Blood Bowl, sen dúbida algunha, e salvando as distancias, a máis popular implementación en taboleiro do fútbol americano, e quizais a máis fiel ao deporte no que se basea, malia que moitos dos propios xogadores nin o saiban.

Esto último débese á que a gran base de xogadores de Blood Bowl, sobre todo en Europa, chegan ao xogo provenientes do universo Warhammer, un mundo de fantasía épica no que as xa típicas razas de elfos, orcos, ananos, etc… pelexan entre si en forma de batallas de miniaturas. Este universo foise expandindo nas últimas décadas con xogos de rol, novelas, películas, etc… e coa creación no ano 1986 do xogo que nos ocupa, “o xogo de fútbol americano medieval fantástico”, como se autodefine, que co paso dos anos, e diversos avatares, foi pulindo as súas regras en sucesivas edicións ata a actualidade, onde grazas tamén as versións en videoxogo, gañou en popularidade.

Sendo o fútbol americano un deporte cun seguimento minoritario aquí, e cunha práctica aínda máis minoritaria, o xogador tipo de Blood Bowl, afeito a xogar wargames en taboleiros con casas cuadriculadas ou hexagonais, adoita aviar a partida coma unha loita pola conquista das casas que lle interesen para conseguir unha disposición o máis óptima posible, e que lle permita levar a pelota á zona de anotación. E non vai desencamiñado, o fútbol americano é nomeado tamén coma o xadrez dos brutos, sendo o posicionamento dos xogadores fundamental para o éxito de cada xogada.

Continuando coas similitudes, no fútbol americano tes catro oportunidades para avanzar 10 iardas e no Blood Bowl tes un máximo de 8 turnos para chegar á zona de anotación. No Blood Bowl hai equipos baseados na súa fortaleza e no xogo terrestre e outros máis áxiles que poden permitirse xogar ao pase con máis eficiencia e riscos controlados, moi homologable aos distintos estilos de xogo reais. Existen no xogo xogadores especializados nos pases, outros en correr coa pelota, en placar, en golpear, ou en recibir, xusto o mesmo ca nos campos da NFL. A posesión da pelota é fundamental en ambos casos e perdela provócache cando menos unha preocupación tremenda. Os xogadores que teñas máis retrasados en defensa son tamén coñecidos extraoficialmente co nome da posición real, safeties, e poden salvarche dun touchdown en contra se están finos. Existen as lesións, os fumbles, as recuperacións e mesmo as intercepcións, que che provocan un subidón tremendo. Todo o anterior moi batuxado polo azar das tanto queridas coma odiadas tiradas de dados, que tan ben simulan os erros ou os acertos dos deportistas. 

En definitiva, a plasmación dun partido real, onde quenes chegamos a el pola afección a este deporte, vemos case coma un mal menor toda a idiosincrasia fantástica de se equipos de non mortos ou de elfos do bosque e desfrutamos da experiencia. E é que, parafraseando o xa celebre discurso prepartido do adestrador D’Amato (interpretado por Al Pacino) na película: na vida, coma no Blood Bowl, avanzase pulgada a pulgada (casa a casa neste caso) e as casas que necesitamos coller están aí, no taboleiro, en cada xogada, en cada tirada, e se imos sumando casa a casa chegaremos ao obxectivo, a gañar o partido. E eso é o Blood Bowl chicos e chicas, eso é todo o que é, e agora… que ides facer? Seguir coas vosas anódinas vidas, ou vir participar na liga de Blood Bowl da asociación 6d6?